CIG: (Confederación Intersindical Galega): Cordial saúdo e parabéns á FSM polos seus 75 anos

Desde a Confederación Intersindical Galega (CIG), queremos enviar un cordial saúdo e os nosos parabéns á Federación Sindical Mundial (FSM) e o seu Secretario Xeral,  George Mavrikos, polos seus 75 anos de existencia, desde a súa creación en París aquel día 3 de outubro de 1945. 

Valoramos o traballo da FSM durante todo este tempo, na defensa dos dereitos da clase traballadora, a súa loita contra o imperialismo, pola xustiza social e pola autodeterminación dos pobos. E sentimos un profundo respecto pola súa traxectoria, que vén avalada polos máis de 105 millóns de persoas traballadoras de 132 países que ten afiliadas, entre elas, algunhas de Federacións da propria CIG.

A FSM demostrou, ao longo destes anos, o seu compromiso inquebrantábel na loita por un mundo sen explotación e sostíbel, ao servizo das persoas, apostando por un modelo sindical clasista, internacionalista e solidario. Un modelo sindical que aposta pola mobilización e a participación directa dos traballadores e traballadoras nas súas loitas.

O preocupante intre que estamos a viver, pola expansión da COVID 19, e o avance imparable do imperialismo e as políticas neoliberais, teñen demostrado que os gobernos dos estados e as institucións internacionais, en mans do capitalismo, non foron quen de coidar aos seus cidadáns e cidadás e que fan máis necesaria aínda unha actuación decidida, frontal e coordenada de todas as organizaciones de clase que, como a FSM buscan un futuro máis xusto e igualitario para a grande maioría dos nosos pobos, e a mellora das súas condicións de vida.

Lamentamos que esta conmemoración non poida celebrarse como tería merecido, debido ás restriccións pola pandemia, e agardamos que, máis cedo que tarde, poidamos coincidir de novo presencialmente, como o temos feito en múltiples actos e eventos do pasado, e intercambiar opinión e experiencias de loita clasista.

Queremos facer extensivos estes parabéns a todas as organizacións que forman parte da FSM, e moi especialmente aquelas coas que mantemos unha estreita relación e colaboración, sobre todo daqueles pobos que, como Cuba, Venezuela, Palestina, e outros pobos do mundo, están a padecer de maneira máis intensa as consecuencias do imperialismo.

 

Desde Galiza, desde a CIG, os nosos saúdos solidarios.

A loita continúa, ata a victoria final!

 

Santiago de Compostela, a 8 de outubro de 2020.

 

Asdo: Secretario Xeral da CIG.                          Asdo.: Resp. Relacións Internacionais da CIG

Paulo Carril Vázquez                                                 Xosé L. Rivera Jácome